Finalmente, o 18 de outubro tivo lugar a presentación do proxecto EGO. La revolución invisible, no Bandido Doblemente Armado de Madrid. Beatriz Rivela e Marina Mantini foron as encargadas da dirección desta titánica empresa, avalada pola asociación C.I.M.A. , polo que foron tamén elas as encargadas da apertura da xornada, xunto a Jorge Riechmann, presidente da asociación. O acto consistiu na visualización das cinco pezas -spots audiovisuais, con formato publicitario- que integraban o proxecto, e que podedes descargar de:http://www.larevolucioninvisible.org/. Parabéns ás dúas polo esforzo e o resultado. Agardamos que teña a acollida que merece.

A mellor explicación do traballo extraémola da súa web:

 

“É unha campaña de sensibilización contra o cambio climático, onde a problemática ambiental se aborda a partires da constatación de que os individuos forman un conxunto indisociable co medio ambiente, co seu entorno (natural e social), e toman conciencia de que os seus propios intereses tenden a coincidir cos de aquilo que os rodea. Si o punto de vista é dos individuos, que é o predominante nas nosas sociedades, o protagonista é o medio no que interactúa cada individuo (EGO) cos outros (ECO) e co entorno (GEO)”.


En breve, a intención de fondo nesta campaña sería unha reorientación da loita ecoloxista, afastando definitivamente a interesada pantasma da romantización da natureza, cara unha posición máis centrada no risco para “min mesmo”(ego), e buscando unha reacción nas colectividades humanas, por canto que lles compete directamente nas posibilidades de supervivencia. Nesta liña, poderiamos vencella-as loitas sociais dos anos 80 e 90 e a emerxencia dos partidos verdes no norte europeo, coa perspectiva ecolóxica que aquí se manexa, no sentido de que a intervención que urxe na natureza só pode ser posible se ven incrustada nunha auténtica confrontación política. A estratificación das tres ecoloxías de Guattari -mental, social e natural- cobra todo o sentido nunha perspectiva centrada nos individuos, entendendo que non será posible a inversión do quecemento global sen un abandono total das formas de vida que promove o Capitalismo Mundial Integrado, o cal esixe unha transformación no desexo -sempre, primeiramente colectivo- e, consecuentemente, unha transformación nas relacións sociais que o modelo actual está a tecer. A ecoloxía, así entendida e activada, pode funcionar como marco estruturador da resistencia, como catalizador das pequenas revolucións moleculares que están a medrar nalgures.  


Algoreanadas a parte, o apoio a unha posición forte na loita ecoloxista é fundamental para o reequilibrio planetario. Queda pendente abordar a reestructuración económica dende esta perspectiva, e facelo antes de que o faga alguén con turbias intencións...